miércoles, 21 de mayo de 2008

O MAIO E AS ALFOMBRAS CHEGAN A CENTIEIRAS

AS ALFOMBRAS

Aproveitamos o colorido da primavera para facer as nosas alfombras adicadas a un gran escritor , Hans Christian Andersen, co que traballamos, aprendimos e nos divertimos moito este ano.

O MAIO

Seguindo a tradicional festa dos maios fixemos o noso MAIO co fin de anunciar a chegada da primavera e, como sinala a tradición, arredar de pestes, virus e males as colleitas.


Quedounos festexar este día coas danzas máis tradicionais e as cancións e coplas recollidas da boca da xente xa que o mal tempo non nolo permitiu.Deixamos este festexo para máis adiante pois non pensamos rematar o curso sen previr calquera "mal de ollo" ou peste que poda estragar a nosa terra.

miércoles, 14 de mayo de 2008

MANUEL CURROS ENRÍQUEZ



Este ano foi o centenario do pasamento dun importantísimo escritor galego: Manuel Curros Enríquez.Xunto con Rosalía e Pondal forma a grande tríada dos clásicos do século XIX.
Manuel Curros Enríquez naceu en Celanova, fillo dun escribano. Fuxido da casa paterna estudou en Madrid e, dende esta cidade participaen 1877 no "Certamen Literario" de Ourense, obtendo varios premios. Tres anos despois publica "Aires da miña Terra", libro de poemas que acadou grande éxito, a pesares ou mesmo por mor da condena de que foi obxeto por parte das autoridades eclesiásticas. Escribe cousas en castelán e cultiva o xornalismo nas máis importantes publicacións do momento.No ano 88 edítase "O Divio Sainete", que tamén acadou moita sona, e en 1894 emigra ás Américas, exercendo o xornalismo en Cuba. Viaxou a Galiza en 1904, e na Cruña foi coroado poeta, finando ó pouco na Habana. Os seus restos xacen na Coruña, onde foron popularmente recibidos.


A SÚA OBRA: Escribiu poesía, algo de teatro e unha novela .
Na nosa lingua publica as seguintes obras:
1877.- "Unha voda en Einibó " composición presentada ó certame en Ourense, reflexa un tema costumista, unha voda.A obra divídese en tres romances: o noivado, a cerimonia e o xantar;
"O Gueiteiro " tamén presentada, evoca a figura dun gaiteiro, prototipo das virtudes da raza.
"A Virxe do Cristal", igual que os anteriores foi presentada ó certame.Refléxase unha lenda popular que Curros escolleu de forma especial xa que sabía que ía ser do agrado da súa nai.
Estas composicións foron as premiadas no certame de Ourense e foron incorporadas posteriormente a"Aires da miña terra".
1880. "Aires da miña terra".Nesta obra inclúense poemas de temática variada: costumista, intimista, cívica e o tema da emigración..
1888.Publícase a obra "O divino sainete" na que Curros critica diversas personalidades e institucións da vida galega. A acción céntrase nun tren, nel, Curros guiado por Francisco Añón, vai visitando cada un dos sete vagóns que o compoñen, atopándose en cada un deles con tódolos seus opoñentes e inimigos.
Moitos dos seus poemas foron musicados, e a miúdo témolos cantado ou escoitado cantar.Por mor da data na que estamos, decidimos destacar o seguinte adicado ao maio. Escoitade...

BENVIDA AO MAIO


Ahí ven o maio
de frores cuberto...
Puxéronse á porta
cantándome os nenos;
i os puchos furados
pra min estendendo

CORRELINGUAS 2008

martes, 13 de mayo de 2008

Romance do mariñeiro peleriño.


Letra:Xosé Mª Álvarez Blázquez
Voz: Suso Vaamonde

LETRAS GALEGAS 2008



Xosé Mª Álvarez Blázquez

Naceu en Tui o 4 de febreiro de 1915, fillo dunha familia culta, da que non foi o primeiro escritor, en 1930 publica os seus primeiros poemas.

Mestre de profesión, e cunha extensa biografía, ten editados varios libros dos que podemos encadrar dentro da literatura infantil:

- O que ben che quer, Ed: OQO


Unha manchea de poemas, escritos por Xosé Mª Álvarez Blázquez para a súa filla Colorín, presentados por Pepe Cáccamo e ilustrados pola súa irmá Berta Cáccamo. Esta, realiza unhas acuarelas con delicados trazos, unha figuración mínima e suaves cores, acompañando os versos e deixando nas nosas mans un produto delicado.
Parte dos poemas pertencen ao libro Roseira do teu mencer e parte son inéditos.

- Roseira do teu mencer. Ed: Xerais .

Este libro de poesía foi escrito ó longo dos anos 1949-1950, e publicado por primeira vez no ano 1950. Toda a temática dos poemas xira ó redor da relación dos país-adultos coa filla-nena que pouco a pouco vai descubríndo o mundo. Versos nacidos de sinxelas experiencias cotiás, que Xosé Mª Álvarez Cáccamo, fillo do autor, conta así: “Por iso o libro, que ao principio tampouco non tiña nome, chamouse Roseira do teu mencer. O mencer de Colorín, os seus primeiros días e meses de luz, está relatado aquí en versos pequenos que son para cantar”.

Este ano adícaselle o Dia das Letras Galegas, así Xerais publica na súa colección Clásicos: Xosé Mª Álvarez Blázquez. Poesia Galega Completa, obra na que entre outros publícanse algúns poemas escritos para Roseira do teu mencer, pero non incluidos na edición.


Dentro desta caixa teño
un moneco para ti.
Ten o Corpo de corales
e a cariña de almasí,
as trenzas de fío de ouro,
os beizos coma rubís
e os ollos son dous luceiros

que me deu un pelegrín.
Un día cho amostrarei
para que brinques con il:
un día en que todo o mundo
choute contente e feliz,
porque non haxa unha nena
que non teña, coma ti,
pechadiño nunha caixa
seu moneco de almasí
.


CEIP CENTIEIRAS MAIO 2008
EQUIPO DE NORMALIZACIÓN E DINAMIZACIÓN LINGÜÍSTICA

jueves, 8 de mayo de 2008

ROMANCE " A SEREÍÑA"

Érase unha vez un home
que vivía en Dinamarca,
e escribía moitos contos
que deixaban sempre marca.

Pois agora, escoitade,
da serea imos falar,
que nadaba cos seus peixes
e coas irmás, a xogar.

Era a sexta das princesas
do reino do fondo mar
e , polo seu cumpreanos,
a praia puido admirar.

Desatouse unha tormenta
que a un barco fai afundir.
A serea chega axiña
para a un príncipe acudir.

A aquel príncipe salvou,
á praia foino levar,
pousándoo na branca area,
para podelo bicar.

A serea queda triste,
o príncipe non a viu;
Ela estaba namorada
e a unha bruxa acudiu.

Para que lle dea pernas,
intercambia a súa voz.
Ela queda moi contenta
polo que é un amor atroz.

Cada vez que daba un paso,
coitelos sentía nos pés,
por estar co seu amado
facía todo ó revés.

El enreda no seu pelo,
el a bica con paixón,
el xa marcha disgustado,
ela deulle o corazón.

Nas terras do rei veciño
vai buscar á salvadora,
moi bonita, moi boíña,
pero é unha impostora.

Repenican as campás,
unha voda vai haber:
o príncipe e a impostora.
A serea vai morrer…

As irmás da sereíña
sacrificaron o pelo,
para conseguir da bruxa
un afiado coitelo.

Antes de que saia o sol,
un dos dous ten que morrer.
Á serea dálle pena:
¡Non sabe que vai facer!

Ela non quere matalo,
un bico lle vai a dar,
tira lonxe aquel coitelo
e, logo, lánzase ó mar.

Alí vólvese en escuma,
filla do aire vai ser,
vivirá trescentos anos
e máis, se as cousas fai ben.

Quen escribiu este conto,
Andersen era o seu nome,
felices facía ós nenos,
porque foi un xenial home.